Cantigas de Henriq d’A Arousa (1)

I

Co arco cazaba,
co arco fería,
   e ás aves, meu amigo.

Co arco fería,
co arco mataba,
   e ás aves, meu amigo.

A min disparaba,
a min me fería,
   e ás aves, meu amigo.

II

Van pace-las herbas
os cervos coas cervas,
   seica si,
meu amigo.

Métense nos tobos
as lobas cos lobos,
   disque si,
meu amigo.

Van beber á fonte
as pombas no monte,
   seica si,
meu amigo.

E cando non beben
fan o que elas deben,
   velaí si,
meu amigo.

Si vés á tardiña
imos contra a viña,
   velaí vai,
meu amigo.

Imos onda a leira
e maila figueira,
   velaí vén
meu amigo.

III

Os lobos no monte
ouvéanlle á lúa,
   quen amigo ten
sábeo ben.

Ouléanlle á lúa
onda a carricova,
   quen amigo ten
sábeo ben.

Onda a carricova
e no piñeiral,
   quen amigo ten
sábeo ben.

E no piñeiral
oulean os lobos,
   quen amigo ten
sábeo ben.

Ouvean os lobos
no alto do monte,
   eu amigo hei:
ben que o sei.

IV

As aves cazaba,
ás aves saía
   co seu arco na man,
meu amigo.

As aves collía,
ás aves andaba
   co seu arco na man,
meu amigo.

E á que cantaba
xa non a fería,
   co seu arco na man,
meu amigo.

Á que rechouchía
el non a mataba,
   co seu arco na man,
meu amigo.

A ave que pía
pra min a cazaba,
   co seu arco na man,
meu amigo.

E a que trilaba
a min ma traía,
   co seu arco na man,
meu amigo.

V

O cervo na fonte
a auga avolvía,
   eu amigo hei
e con el bailarei.

No fondo da ría
o cervo choutaba,
   eu amigo hei
e con el bailarei.

Na area brincaba
embaixo da ponte,
   eu amigo hei
e con el bailarei.

O cervo do monte
na area corría,
   eu amigo hei
e con el bailarei.

A area avolvía
o cervo inda onte,
   eu amigo hei
e con el xa bailei.

VI

Na fonte do río
bañábame espida,
   e virá meu amigo?

Na fonte florida
bañábame eu núa,
   e xa vén meu amigo.

Co raio de lúa
na auga da fonte,
   e virá meu amigo?

No río do monte
lavaba o cabelo,
   e xa vén meu amigo.

Secaba o meu pelo
na fonte de pedra,
   e virá meu amigo?

Nas follas da hedra
da fonte florida,
   e chegou meu amigo.

Eu báñome espida,
e morro co frío
   si non vén meu amigo.

VII

A colle-los chuchameles
na bouza do río
   fun con meu amigo,
el que mesto estaba o acivro.

A apaña-los amorodos
á beira do río
   fun con meu amigo,
el que alto era o caxigo.

A comer amoras negras
das silvas do río
   fun con meu amigo,
el ben verde era o carrizo.

A roubar pexegos doces
nas leiras do río
   fun con meu amigo,
e ben grande era o caxigo.

VIII

Da boca da ría
marchou a luz do día
   e meu amigo amaba.

Nas cunchas da area
bateu a lúa chea
   e meu amigo amaba.

Nas ondas da ourela
esvarou unha estrela
   e meu amigo amaba.

O xeito das ondas
movía as oucas fondas
   e meu amigo amaba.

Na area da ourela
rebuldou unha estrela
   e meu amigo amaba.

Co son da marea
marchou a lúa chea
   e meu amigo amaba.

Á beira da ría
chegou a alba do día
   e meu amigo amaba.

IX

A rula ruleira
vén se bañar á ourela,
   eu amigo teño
e de andar con el veño.

A rula rulana
vén se bañar á praia,
   eu amigo teño
e de estar con el veño.

A rula ruliña
vén se bañar á ría,
   eu amigo teño
e de aviar con el veño.

X

O lobo do monte
ouveaba na ponte,
   miña nai,
meu amigo onde vai?

O lobo bravío
ouveaba onda o río,
   miña nai,
meu amigo onde vai?

O lobo salvaxe
ouveaba na laxe,
   miña nai,
meu amigo onde vai?

O lobo sanguento
ouveáballe ao vento,
   miña nai,
meu amigo, velaí vai.

XI

No abrente do día
foi pescar á ría
   meu amigo,
que non está comigo.

Ás illas do mar
foi hoxe pescar
   meu amigo,
que non está comigo.

E inda todo o día
eu esperaría
   meu amigo,
que non está comigo.

Foi hoxe pescar
e heino agardar
   meu amigo,
que non está comigo.

Mais na súa dorna
xa da pesca torna
   meu amigo,
que non está comigo.

Na súa dorniña
da pesca xa viña
   meu amigo,
que non está comigo.

XII

Ondas do mar d’Arousa,
hai unha cousa
que levou meu amigo
e non a pousa,
   meu amigo, que vai no mar.

Praias do mar d’Arousa,
miña alma morna
levouna meu amigo
e non ma torna,
   meu amigo, que vai no mar.

Penas do mar d’Arousa,
ai, meu amigo
levoume a alma consigo
e non ma pousa,
   meu amigo, que vai no mar.

Illas do mar d’Arousa,
se non a pousa
a alma meu amigo
doulla ata a lousa,
   meu amigo, que vai no mar.

Ventos do mar d’Arousa,
si non ma torna
doulla de aquí ata a lousa,
miña alma morna,
   meu amigo, que vai no mar.

XIII

Ás ondas do mar enchido
lonxe vin i-lo navío
   i eu, fermosiña,
meu amigo non tiña.

Ás ondas do mar alzado
longo vin marcha-lo barco
   i eu, tan ghopiña,
meu amigo non viña.

Nas ondas do mar saído
veu queda-lo meu amigo
   i eu, bonitiña,
meu amigo non tiña.

Nas ondas do mar irado
meu amigo foi finado
   i eu, fermosiña,
meu amigo non viña.


ēgm. 2012
Cantigas de Henriq d’A Arousa (2)

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s