Anxo Angueira

[O Lugués]


Era de aquí da Arousa e chamábanlle o Lugués. Aquela noite… Aquela noite fora de tronada. Oíase que bruaba o mar de Corrubedo. Non se fai acordanza de noite coma aquela. Agora que a mañá fora de calma. O caso é que o Lugués foi á luzada. Saíu de madrugada para os polbos. Era destemido. Ía con cambelos. Ben, non sei si saíu para os polbos con cambelos ou para o choco coa femia do ramo. Que máis ten! Igual debía ser. O cambelo, parecido á raña, é un pau con chumbada de pedra e leva carnada de nocra. A nécora é o que máis lle gusta ó polbo. E mira ti que cando iamos co bou ó pateiro e chegabamos con el, que o querían para esterca-las leiras, había quen dicía que non chos quero que ten moita nocra. Os polbos son listos coma os allos. E se foi no seu tempo, pola hora que se botou ó mar, igual ía ós chocos. Coa femia, con dúas femias, unha por cada banda, o choco no seu tempo entra coma un fuso. Carallo se non entra. E si, o Lugués tamén era ben femieiro. Apañaba as femias co ramo, cun ramo de piñeiro, un verde ramo. Espetáballe o sedal no cu do manto e pasábao pola caverna. Botaba unha o dúas por cada banda, amarrando a sedela a unha vara, a un tancón que levaba atravesado na dorna que sobresaía aínda ben un algo polas bordas. Isto no seu tempo, por marzo ou aí. E entón veña remo e veña as femias todas espantrigadas chamando nos machos pola ría adiante. O mellor é non usa-la francada para non feri-la femia. Colles un truel e arriba co macho. Se xa están apegados, sóbe-los dous, sepáralos e volves botar ó mar a femia. Si, o Lugués era ben femieiro. Pois na madrugada de aquela noite de torbón o Lugués foi ó mar. Saíu do Porto do Campo con rumbo sur. Estaba na zona de Quilma, onda a enseada da Brava e as Aceñas. O caso é que a tronada non debera pasar de todo. E podía esta-lo mar ben calmo. Podía. Non se fai acordanza de caso coma el. Estaba o Lugués na súa dorna ós polbos con cambelo ou estaba… que máis ten! Estaba e veulle enriba un raio que o fulminou. Non se fai acordanza. Sería o isqueiro. Sería. Sería o que fose. O caso é que de mañá apareceu morto. Ían os do rastro para as Serradelas de Guidoiros deixando por fóra o illote do Camallón e alí o viron contra as Aceñas. O Lugués estaba queimado enriba da tilla, negro negro, negro…

—Coma un chamizo.

Si, negro coma un chamizo. A dorna, furada, no panel da cadeira, houbo que traela entre augas. O mar parecía de calma. Debeu ser un raio perdido que o ceo se esquecera de botar de noite. E mira que o mar é grande. E a Arousa é grande. E a Brava é grande. E todo é grande en comparanza cunha dorna. Unha dorna non é nada neste mundo. E aínda dentro dunha dorna… Pois foille tocar ó malpocado do Lugués. Aquela luzada súa, de femia ou polbo, foi a derradeira.


Anxo Angueira. Iria

Anxo Angueira

Iria, fragmentos


Agora na proa, Lens e o mariñeiro envergan e arman a trinqueta e o foque nos estais do caperol e no da punta do bauprés. Largan escotas por couse para a empopada. Miguéns caza a escota da maior. O patrón, agora xa no leme, sen abadona-la paipa, corre a argola cara a couse no varón. Miguéns repasa aparellos, cabos e nós. O rapaz asubía. Renxen táboas e relingas. O Iria por fin colle aire e respira, subindo na devalante e no nortiño. Foise a néboa e maila noite. Faise día, un chumbo fusco, arrefriado, que tingue de gris os lenzos do galeón, as chemineas das fábricas de Catoira, o esteiro do Ulla. E o Iria colle aire e unha reprise entrecortada, camiño do mar da Arousa, camiño do barro ou da madeira ou do sal ou do que non se sabe. Camiño dun infinito de illas, insuas e illotes, de cons e morosas, de agullas, aguillóns, aguiúnchos e angueiros, de areas, arnelas, arnosas, areosos, areais, ríos, regatos, vaos, bancais, bicos, bois, cabalos, bolos, cabezos, lombos, carreiros, castelos, castros, comboas, concheiros e conchidos, cousos, cruces, cubertos, fontes, esteiros, forcadas, fuciños, furados, navallas, novas, laxes, lobeiras, ostreiras, polbeiras, mesas, pombeiros, pateiros, praias, pedras, pedriñas, petóns, covas, baixos, abrigos, puntas, puntais, pragueiros, peiráns, portos, pozos, ribeiras, saltos, santos, seixos, sinais, torres, touzas, remexedoiros. Camiño dunha infinita, enferruxada, revirada rede de rías dentro da ría labirinto Arousa.

∼ ∼ ∼

Mañá de día limpo do verán primeiro. A maré está no socheo. Cabalos ceibos pacen na herba, nas flores e nos lirios, no toxo cativo da insua das isuas, a insua de Bexo e da Vacariza. As dornas e os mecos de Porto, Cesures, Requeixo e da Ponte soben polo lombo da Rubia regresando, a bolinar, cheos os paneis e as cadeiras de robaliza, solla e muxo. De muxo batalleiro e franco, que ten a cuncha dourada na cabeza, e do muxo de fondo e lama, o galludo e bocacho, menos apreciado. Regresan dos lances de luzada por tramallo de balar e tallada de canas. O norte da mañá enche as relingas e o ollado do remo do temón nos mecos canta no tolete de popa coas viradas. Por riba dos mecos e das dornas soben do mar carráns e pardelas. Apegada á ribeira de Vilar, unha frecha rasante de corvos mariños adianta lambendo o canaval de xuncos e canivelas. Corvos do monte pousan nos brazos dos cruceiros e no bico das cavernas dun costal, afundindo entre a lama e a herba da ribeira na punta dos Paxaros, ósos negros dun vello galeón de antano, brillantes ó sol limpo da mañá.

∼ ∼ ∼

Hai afogamentos que ceban a súa crueldade, se é do caso, nunha mesma familia. A min vénseme ás mentes neste tema a acordanza dos de Merino, os de Merino da Arousa. Os de Merino deste afogamento foron o pai, Ramón Núñez Suárez, de corenta e catro anos, e os seus fillos Sergio Ramón, de vinte e dous, e Mariano, de vinte e un. Patroneaba o barco que era de seu, José Dios Outenda, vinte e catro anos, o Ferreiriño. Afogaron os catro.
O barco era do mexillón, que foran levar unha boa carga del ó Caramiñal. Pois cando viñan de volta para a Arousa, alí pola Ostreira, que é un illote que xa ten dado ben de sustos, o barco afundiu e os catro tripulantes, os catro da Arousa, afogaron.


Francisco Martínez Bouzas, «Iria», homenaxe á lingua nacional (novenoites.wordpress.com)
Anxo Angueira. Iria